Xa hai que foi
Espazo divulgativo da Galega. É unha viaxe por unha paisaxe composta por imaxes icónicas da historia contemporánea de Galicia, en que o espectador pode ver desfilar fotos e imaxes de televisión de acontecementos e personaxes que permanecen na memoria colectiva do país: tráxicos naufraxios, cambios políticos, logros deportivos… etc. A viaxe remata coa aparición da primeira páxina dun xornal, que leva o título do programa. O espazo condensa as liñas básicas que caracterizan este novo formato televisivo: unha ollada actualizada e dende un punto de vista xornalístico aos acontecementos sinalados da memoria do noso país, intentando conxugar a divulgación cultural co entretemento, dun xeito ameno e sintético.
Cada programa componse de tres microrreportaxes, onde se abordarán acontecementos definidos por tres eixes temáticos: feitos históricos, políticos e institucionais que dean conta do longo camiño que percorreu o país na procura da súa vertebración e, por outro, feitos de contido social e de tipo anecdótico que axuden a captar a atención do público maioritario.
Os protagonistas son testemuñas directas dos feitos ou, cando isto non sexa posible, persoas afectadas de xeito directo por estes; pero tamén serán entrevistados no lugar dos acontecementos ou, a falta deste, nun escenario que evoque o contexto da efeméride. Sempre que a efeméride o permita, o acontecemento será reflectido por, canda menos, dúas entrevistas que presenten diferentes puntos de vista sobre este.
